O QUE NOS SEPARA (case nada)
Como perseguidor da UNIÓN DA DIVERSIDADE, cheguei á conclusión de que, un dos principais escollos para conseguila, é a FALTA DE RESPECTO ao individuo e á súa cultura, sumada á ignorancia e á falta de análise da dita falta de respecto.
Antes de seguir, teño que dicir que son galego e español. Son español porque son galego, non podo ser español, se non é a través de ser galego, se me impiden ser galego, simplemente, impídenme ser español.
Se non se respecta a diversidade, será imposible a unión. A unidade, ou peor, a uniformidade por decreto, non serve, é máis, é perniciosa, é coma se te obrigan a casarte, imos, que non!. A nosa historia común ten que sumar, e suma, pero é conveniente separar a palla do trigo.
Respectar a diversidade quere dicir, ter en conta a forma de ser e a opinión dos diferentes, o respecto é o que ti lle debes aos distintos, non a esixencia de que sexan como ti pensas, iso é respecto ás túas crenzas que, cara aos outros, é tiranía. Evidentemente, non todo vale, ten que haber unhas normas, uns códigos de obrigado cumprimento que todos temos que acordar e respectar e que serán as nosas leis, isto é fundamental, ineludible. É o mínimo común múltiplo.
Quero dicir que, hai moita xente, de certo nivel, que se describe como liberal e ten ao respecto por bandeira, logo, a primeira de cambio, velos insultando, menosprezando, descualificando etc. a outra xente que pensa diferente, ou simplemente, non ten o nivel de «coñecemento», (confundido moitas veces con cultura). Pasa o mesmo coa liberdade, hai que respectar a liberdade do outro, ídem co respecto que é o que vai cara aos que pensan diferente, aínda que pensen peor.
Ninguén debería estar condicionado polo que opinasen os grandes que na historia foron, ou son, haberá que ter en conta a súa opinión, pero, logo de analizala, debemos sacar a propia, coincida ou non coa súa. Sucede que a admiración, como a paixón, réstanos liberdade, sen darnos conta, adormenta o noso libre albedrío, impídenos ser imparciais e, polo tanto, xustos: As faltas sempre nolas pitan en contra! (fútbol). Ollo cos nosos admirados, non fagamos propios, os seus erros.
A nosa querida España que, por diferentes motivos, non coñeceu nunca, nin coñece, unha democracia plena, organizouse á morte de Franco, cunhas Comunidades Autónomas que, do mesmo xeito que o Estado e por culpa dun mal regulamento político, víronse invadidas pola corrupción, privilexios de todo tipo, gastos sen control e fusión de todos os poderes nun. Isto hai que arranxalo, pero non como algúns iluminados queren facelo, á vella usanza, collendo as rendas e aplicando as súas infalibles dogmas, uns falan de democracia, pero as suas consignas non contan co pobo, outros din contar co pobo pero o pobo non parece contar con eles, cada un por unha banda. Algúns partidos parecen iguais pero non se xuntan, todo o contrario. Cando máis necesitamos a UNIÓN, máis separados estamos, nunca houbo tantos partidos políticos como agora, cada un á súa bóla.
SEPÁRANOS A FALTA DE RESPECTO: ao pobo en xeral, ás opinións diferentes, ás culturas diferentes. Sepáranos o extremismo. Moito «tipo A», moito «tipo B» e pouco «tipo M» (tipos mencionados noutro lugar).
Para a UNIÓN e A DEMOCRACIA hai que ter en conta ao pobo, a reforma do Estado hai que consultala ao pobo, as regras de xogo hai que facelas co pobo. Iso quere dicir que hai que facer máis dun referendo.
POLÍTICA E RELIXIÓN non poden estar unidas, a relixión é privada e variada, é para os crentes, a política é para todos, tamén para os ateos, aquí, como nos poderes do Estado, tamén é necesaria a separación, A Deus o que é de Deus e ao Cesar o que é do Cesar!.
O que molesta a unha parte da sociedade debe ser excluído do público, como mínimo, é de pura educación, se algo che gusta pero molesta a outros, faino en privado, polo tanto, relixión, touros e demais temas conflitivos deben ir ao sector privado, sen dúbida.
Se unha parte da sociedade quere impoñer os seus valores á outra é imposible a unión, a UNIÓN baséase na cesión dunha parte da nosa posición, en favor da posición do outro e viceversa, hai que buscar o punto de encontro, canto máis amplo, mellor.
Poida que teña razón ou non, pero, ou me recoñecedes a razón que teño ou me convencedes de que me falta razón.
Deixa un comentario
Quere entrar no debate?Síntase libre de contribuir