O por que deste lugar…
Iniciei este traballo impulsado polo «coronavirus», que me empuxou a usar o computador, e porque tiña ganas de sacar á superficie a certos personaxes galegos, ou con ADN galego, que quedaron ocultos, ou foron ocultados ao longo da historia, a algúns se lles castelanizou o apelido e/ou se lles cambiou o lugar de nacemento, a súa orixe; outros, fixérono eles mesmos, cal se fosen apestados, ou así lles considerasen…
Aquí pretendo, como dixen, elaborar unha lista dos galegos e descendentes de galegos que destacaron no mundo das armas, as artes, as letras, a política, o deporte, etc. En todo caso, serán grandes destacados en calquera campo, non importará que sexan, ou fosen, bos ou malos, nin sequera famosos, serán grandes personaxes, segundo o meu humilde entender, algúns estarán porque serven de nexo con outros…
Incluirei aos que considero que cumpren coa premisa de ascendencia, de nacemento ou de adopción…
Loxicamente, haberá mulleres, e moitas, porque as hai, e cun par, tamén haberá, iso pretendo, descendentes de mulleres, esquecidos, ocultos baixo os apelidos paternos (sei que isto é moito máis difícil).
Tentarei ordenalos por datas, aínda que, en tempos antigos, resulta moi difícil saber a data de nacemento.
Tamén mencionarei monumentos, paisaxes, tradicións e costumes.
Estou seguro de que me quedarán moitos no tinteiro, outros sorprenderán… os galegos estamos por todas partes, gústanos viaxar e volver a casa, pero, ás veces, as nosas raíces quedan nos lugares máis impensables do universo.
Teño que dicir que a maior parte da información está sacada da internet, de Wikipedia e outros.