O MEU AMIGO E A VECIÑA (chorradiña).
Esta mañá esperteime sobresaltado, a miña veciña chamábame a berros, moi enfadada e fora de si, sóltame que vai chamar ao cuartel da garda civil e que vai poñer unha denuncia contra o meu amigo e contra min. Non saio do meu asombro, levámonos moi ben, non entendo que pasa…
-O teu amigo entrou na miña casa e violou á miña amiga, dime en ton bronco.
-Que dis?, iso non pode ser.
-Si, si, vouvos denunciar por violación de morada, agresión sexual e todo o que me aconselle o meu avogado… aos dous, porque ti algo terás que ver neste asunto, estou segura.
-Pero, iso non pode ser, o meu amigo é un santo, e eu non sei nada, a ver, que pasou?
-Fai o favor e ven a buscalo, está no meu xardín, téñolle medo. Pilleino en plena violación.
-Vale!, vou enseguida.
Mentres me visto, doulle voltas ao asunto, non mo podo crer. Ao meu amigo coñecino, hai uns meses, na porta do bar ao que vou asiduamente, estaba moi mal, moi delgado e famento e leveino a casa por uns días, mentres non atopaba o seu camiño…, fómonos facendo amigos, foi pasando o tempo, iamos xuntos ao bar, á praia, de paseo, ademais, encántalle o sendeirismo, como a min.
A amiga da miña veciña é alemá de pura raza, grande, robusta, deportista, dunha familia de pastores de toda a vida, o meu amigo é unha pouca cousa, non sabemos de onde é, nin o sangue que corre polas súas veas, pero eu sei que é bo, moi bo, é incapaz de facerlle mal a ninguén, seguro.
Chego á casa da miña veciña, chamo, e ábreme o portal automático.
-A ver, Cristina, cóntame, en primeiro lugar, quero dicirche que, a violación, paréceme moi complicado, non entendo por onde puido entrar, non lle abriría a porta Candela? (Candela é a alemá).
-Non, é imposible, a porta só a abro eu, o teu amigo saltou o muro, non hai outra maneira de entrar, estou segura que alguén lle axudou, non creo que puidese saltar sen axuda de ninguén.
-Eu tampouco o creo… En canto á violación, paréceme aínda máis difícil, Candela, é moito máis forte que o meu amigo.
-Entón ti que crees, Santi, explícamo.
– Eu creo que, Amigo, (ao meu amigo, chámolle “Amigo”, a min gústame e a el tamén) sentiuse atraído, fortemente atraído, por algo, non hai máis que velo, mírao, aí está no xardín, tan feliz e despreocupado, vese que non rompeu un prato.
Candela tamén está ben, estou seguro que non houbo violación, se Candela non quixese, o meu amigo non tería nada que facer, eu sei que a Candela non lle gusta moito o meu amigo, pero, a natureza é moi forte, Candela non tiña a ninguén máis preto e aceptou ao meu amigo para facer o amor.
-Vaia, poida que teñas razón, non sei como puido saltar, pero é certo, non puido haber violación, o teu can é unha birria, agora terei uns cachorros sen pedigrí, espero que, polo menos, saian guapos…
Non sabemos como ocorreu todo isto, o que sabemos é que, aos poucos días os nosos cans volvían a levarse mal.
¡Ai! a natureza…