APETITOS (vaguedades)
Alimento, sexo, apetencias…
A natureza, todos os seres vivos, avanza, evoluciona, en base aos apetitos, o comezo está no alimento, é a primeira necesidade, algunhas plantas búscano na profundidade e compiten por que as súas raíces cheguen o máis profundo posible, outras, buscan abarcar a máxima superficie, outras son invasoras, algunhas viven nos sobacos das árbores, en fin vanse adaptando, evolucionando, competindo con outras especies, para atopar o alimento que lles axude a sobrevivir, preto da auga, no deserto ou onde se achen… Os animais actúan de forma parecida, os herbívoros buscan as súas mellores zonas e compiten por elas, os perdedores deben adaptarse a outros alimentos ou a outros lugares. Os carnívoros van detrás dos herbívoros, quedan onde hai máis, marcan o seu territorio, están en continua loita contra todo tipo de rivais.
O outro apetito que guía a natureza é o sexo, a reprodución é fundamental para calquera especie se quere permanecer neste mundo. Para reproducirse, as plantas inventaron marabillosas flores, de fermosas cores e doces sabores, coa finalidade de atraer a insectos e paxaros que axudarán a exercer a función polinizadora necesaria para alcanzar as súas metas… outras, ofrecen os seus saborosos froitos para que as súas sementes se esparexen buscando outros territorios. Os animais seguen distintas pautas para reproducirse, algunha son misteriosas, sorprendentes, como a viaxe das anguías, dos salmón etc., a metamorfose das bolboretas, ou as ras. As abellas teñen unha monarquía, feminina, moi tirana cos obreiros, as formigas son máis sociais; nalgunhas especies, o macho ten que morrer, noutras, os machos, convértense en bailaríns para convencer á femia, noutras, o macho compite cos outros machos, o gañador é o macho alfa, a femia non ten nada que dicir. Todos os sistemas son válidos e tratan de mellorar a especie ou, polo menos, mantela…
O home foi modificando a súa forma de actuar, ao principio, o seu comportamento era similar ao doutras especies que buscan ao macho alfa, ao xefe da tribo… O gran cambio veu cando unha gran parte da humanidade tivo, practicamente, cubertas as súas necesidades alimentarias e sexuais, entón, coas súas necesidades vitais cubertas, chegaron as «apentencias», apareceu o negocio do lecer, as viaxes, as vacacións, as festas, as orxías, os luxos… Aparece outra forma de loitar, onde, o máis forte, é un máis, incluso o máis listo é un máis, aparece o poder do diñeiro, o poder do rico cos seus ocultos poderes… aparece o trato, a trata, a especulación, as drogas, as mafias, as bandas, os desafiuzamentos e os okupas, aparecen os clubs de millonarios para gobernar o mundo, algúns non teñen media hostia, pero iso xa non importa, o poder cambiou, a ver canto dura…
Digo todo isto, porque me apetece…