ADN galego (moito rolo)

Aproveitarei algunha ocasión para comentar algunha cousa sobre raíces que perdemos, sobre todo, no que respecta a a lingua. Por exemplo perdemos o uso da J (con son X), é un efecto secundario do aprendizaxe castelán, todo o que levaba J substituíuse por X, deberiamos aprender a escribir e pronunciar a J como en portugués.

Esquecemos o uso de palabras que non fai moito eran moi usadas, como «medrar» (substituído por crecer) e «prender» (atar, amarrar, arraigar, colgar, acender, enganchar, suxeitar)

Temos palabras que perderon letras e parte do sentido, a min séguenme gustando páa, sóo sáa ou áas, non sei como se pode cantar… «nas áas do vento…», en fin perderan a «L» e agora perden unha vogal… e o sentido.

Nalgúns casos, cámbiase o sentido orixinal do obxecto ao galeguizar o castelán, xusto como cando se castelanizou o galego, por exemplo, «oxalá» tráeno de ojalá, o tradicional e correcto era ogallá. Noutros casos invéntase un pouco, por exemplo, chámase «vertedoiro» ao sitio onde se pon a louza, para a min é un erro, vertedoiro é o lugar onde se verte o que sexa, o nome correcto é «vertedeiro» (o que verte), ou sexa, a louza non se verte nel, a louza ponse nel a verter, a escorrer, por iso debe chamarse vertedeiro non vertedoiro, o meu entender.

Acórdome da miña escola da aldea, bisexual e de todas as idades, como a moitos se lles resistía o castelán e soltaban: Toaja, por toalla, laranja, por naranja ou boteja, por botella; chanchar, por morder (por certo, agora ninguén di chanchar, antigamente era moi usado, chanchaban os cans e chanchabamos nós, todo iso era obxecto de burla e dalgúnha labazada. Tamén aparecía o erro de conxugación, por exemplo, caíase no «andó» (do andou galego), por anduvo…

Quero comentar, de pasada, que na miña nenez, non fai moito…, nas aldeas, como a miña, era habitual que se coñecese á xente por motes, sobrenomes… para iso usábanse, lugares, oficios, un familiar coñecido, un defecto ou unha calidade, por exemplo: Manolo «o dá Lameira», «o do Pombal», o dá Torre», «o de Fabal», «os da Ponte» etc. (en canto a lugares); «o de José María» «o de Castro» «o de Varela», «os de Chan» «os do Cura» etc., pola familia ou proximidade; por motes persoais había «o Chosco», «o Chepudo» «o Dentán» «o Coxo», «o Manco», «o Roxo» etc.; por oficio: «os do Canteiro» «do Ferreiro» «o Zapateiro», «o Cesteiro», «o Cereiro»…, algúns son honorarios: «os do Duque» «o Conde», «o de don fulano…»

En fin, ninguén se libraba do seu alcume, sen  el, non eras recoñecido…, eu era, de pequeno «pepiño o do con».

Observei que nos pobos de Castela resólveno doutra maneira, poñen uns nomes que xa non necesitan alcume: Ciriaco, Zenón, Teodomira, Justiniano…, con estes nomes, realmente, para que queres alcumes…

Este tema enroloume tanto que o acabei convertendo nun libro… Como podedes ver, o libro anda por aí.