José Santiago García Rey

O meu nome é José Santiago García Rey, son un xubilado nacido en 1949, nun lugar da parroquia de Adina pertencente ao municipio de Sanxenxo, nese momento non había luz no meu pobo, nin estrada asfaltada o que máis abundaba era a choiva, moita choiva, e o lodo, moito lodo, xente de loito e roupa vella, calzado roto.

Na nosa casa andabamos un pouco mellor que a maioría, tiñamos unha especie de “Corte Inglés” de aldea.
A escola era mixta de xénero e idade.

Estudei por libre ata cuarto de bacharelato, e despois empecei no “Sagrado Corazón de Jesús” de Pontevedra, logo seguín co “PREU” no instituto novo, o ano que se inaugurou.

A partir de aí comecei moitas cousas e non terminei ningunha, non atopei a miña vocación.

Cando me tocou, fixen o servizo militar e unha vez terminado, casei, por cousas da vida.

Preparei oposicións á banca ata aprobalas e comecei a traballar en “Caixavigo” (xaneiro de 1975). Teño bos recordos daquela época, entón eramos amigos entre nós e dos clientes, máis tarde as cousas comezaron a cambiar.

Pasei a miña vida laboral entre o sector bancario e o sector inmobiliario, toda ela transcorreu entre a ría de Pontevedra e a ría de Arousa.

Gústame a historia e as historias, todas as artes, a arquitectura, a escultura, a pintura, o cinema… e a xeografía da paisaxe; ríos, montañas, vales, praias, estuarios etc.

Teño que confesar que botei varios anos elaborando unha letra para o Himno de España, que anda por aí, e tamén, vertendo algunha i-Reflexión no aparello, así mesmo andei en pescudas sobre Colón, algo atopei…

Coa chegada da pandemia do “coronavirus” e o seu arresto domiciliario, xurdiu a oportunidade de meterme nese mundo que sempre me atraeu e propúxenme a recoller información sobre o ADN galego, escondido ou oculto, perdido ou esquecido. Empecei a buscar a Colón, os Soutomaior, os Ulloas, a casa Trastámara etc., todo revolto. Logo decidín poñer orde, fun ao principio e continuei, tendo en conta as datas e os datos.

Así naceu a miña recompilación de ADN galego, nunca pensei que sería tan longa e tan ancha.

ADN galego, escondido ou oculto, perdido ou esquecido…

© Copyright - ADN Galego 2023. Todolos dereitos reservados.